Todas as candidaturas

Fran Sevilla

O período de votación desta edición xa rematou

Fran Sevilla

Fran Sevilla é un xornalista radiofónico madrileño especializado na información de guerra en todo o mundo. Tras unha etapa na que traballou como freelance, en 1988 entrou como redactor en Radio Nacional de España, desde onde informou dos conflitos do Golfo Pérsico, a antiga Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Ucraína ou Gaza, entre moitos outros. O seu labor xornalístico tense caracterizado pola defensa dos máis débiles e dos dereitos humanos. 

Fran Sevilla naceu en Madrid en 1959 e é licenciado en Ciencias da Información pola Universidad Complutense de Madrid. A súa carreira profesional estivo centrada no xornalismo internacional e moi especialmente na cobertura de conflitos, desde que con só 24 anos comezara a traballar como freelance en Nicaragua. Desde distintos países de América Latina como Guatemala, O Salvador, Paraguai ou Chile realizou tamén colaboracións para El País, Tiempo, Interviú, Mundo Obrero, Radio Nacional ou Radio Cadena.

En 1988 entra a traballar como redactor en Radio Nacional de España e para esta emisora cubriu, entre 1989 e 1996, distintos acontecementos como enviado especial, como a primeira guerra do Golfo Pérsico ou a guerrra da antiga Iugoslavia. De 1996 a 2000 foi correspondente de RNE en Oriente Próximo; e de 2000 a 2007, correspondente volante dos Servizos Informativos da RNE, con coberturas como enviado especial nas guerras de Afganistán, O Líbano, Iraq ou Colombia. De 2007 a 2014 foi delegado do Centro Emisor de Radio Exterior de España de Cariari, en Costa Rica.

En 2017 foi nomeado correspondente de RNE en Wáshington, pero axiña regresou á cobertura de conflitos bélicos. Coa invasión de Ucraína pasou a cubrir a guerra nese país, onde saíu ileso do impacto dun proxéctil xunto ao seu vehículo, e posteriormente informou do conflito palestino-israelí desde Xerusalén. A rede social X suspendeulle a conta por mostrar imaxes de nenos masacrados en Gaza. 

Ao longo de toda a súa carreira profesional, Sevilla caracterizouse pola defensa dos máis débiles e dos dereitos humanos. O seu traballo como xornalista foi recoñecido con distintos premios como o Víctor da Serna ao mellor xornalista do ano 2001, o Cirilo Rodríguez 2001 ao mellor correspondente, o Ortega y Gasset 2003 xunto ao resto de xornalistas españois que cubriron a guerra de Iraq, o Rey de España en 2008 pola súa reportaxe sobre as nais de Ciudad Juárez, o Salvador de Madariaga en 2010 ou o Cátedra Manu Leguineche en 2023.

Os textos aquí recollidos pertencen ás candidaturas presentadas ao Premio. Os organizadores non comparten, necesariamente, o seu contido.